Sunday 28 de April de 2024

A Xunta impulsa a internacionalización da literatura galega coa segunda convocatoria da Residencia Xacobeo para traductores


— O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 30 de decembro

— A gañadora da primeira edición, a profesora estadounidense Kathleen March, vai traducir ao inglés varias obras galegas grazas ao éxito deste programa

— O goberno galego mantén liñas específicas de axuda para a tradución e a presenza do libro galego noutros países, así como tres programas de residencias literarias, dous deles de carácter internacional

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a escritora Yolanda Castaño, presentaron hoxe a segunda edición da Residencia Xacobeo para tradutores. Unha iniciativa, tal e como explicou o representantes autonómico, “coa que o Goberno galego impulsa a internacionalización das nosas letras, promovendo a presenza de obras escritas en galego máis aló das nosas fronteiras e linguas diferentes”.

O secretario xeral explicou que a Xunta de Galicia mantén abertas varias liñas en prol da internacionalización da literatura galega, sinalando a presenza do sector nas feiras internacionais como a de Frankfurt, ou a convocatoria de axudas para o libro, dirixidas á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución á lingua propia de Galicia de obras publicadas en orixe noutros idiomas.

Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade mantén neste momento, a maiores desta, outros dous programas de residencias literarias. Un deles, a Residencia Literaria Cidade da Cultura, deseñado para o apoio e acompañamento de escritores emerxentes e inéditos, baseado no intercambio de experiencias e a posta en común de coñecementos. Outro, un programa de intercambio cultural con Xeorxia, ao abeiro do que o autor xeorxiano seleccionado traballa e investiga en Galicia durante unha estadía dun mes, mentres que o escritor galego gañador fai o mesmo desde Tbilisi para reforzar a proxección exterior da literatura galega.

Estadía cultural
Convocada en colaboración entre a Xunta de Galicia e a Residencia Literaria 1863, a II Residencia Xacobeo vai dirixida a tradutores literarios que planeen verter unha obra orixinalmente escrita en galego a outro idioma. O autor seleccionado viaxará a Galicia durante o mes de marzo de 2022 para preparar o seu proxecto de tradución, para o que se aloxará nas instalacións da Residencia Literaria 1863, un apartamento do século XIX no casco histórico da Coruña que combina residencia con centro de xestión cultural na rúa Riego de Auga da Coruña. Desde alí, facilitaráselle un acceso prioritario a museos, galerías, bibliotecas, concertos, visitas guiadas, encontros literarios, obras de teatro e outros eventos culturais.

Poderá concorrer á convocatoria individualmente calquera tradutor literario maior de 18 anos e o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 30 de decembro de 2021.

A solicitude deberá acompañarse cun currículo, proxecto de tradución dunha obra en galego para calquera outra lingua do mundo, en calquera xénero, un dossier literario e unha carta de motivación. A documentación debe remitirse ao enderezo electrónico da Residencia Literaria 1863.

Éxito da primeira edición
A profesora emérita da Universidade de Maine (Estados Unidos) Kathleen March foi a beneficiaria da primeira Residencia Xacobeo. Ao abeiro desta exitosa experiencia, a investigadora desenvolveu o seu traballo en Galicia sobre dúas obras en prosa de escritoras galegas: Confusión e morte de María Balteira, de Marica Campo, e Bibliópatas e Fobólogos, de Emma Pedreira, verténdoas para o inglés.

Doutora en Español e Creatividade e directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Maine, Kathleen March é unha das máis prestixiosas investigadoras e divulgadoras da literatura galega nos Estados Unidos e tamén experta nos estudos sobre Rosalía de Castro. É editora e tradutora dun altísimo número de pezas literarias galegas para o inglés e premio da Cultura Galega en Proxección Exterior en 2015.